Servizos sociais, Comercio e Turismo…: As outras víctimas do bloqueo orzamentario.

Casa do Concello

A cega estratexia dos estraños compañeiros de viaxe na oposición de Gondomar PP, CABE e IXG, non só é un grande atranco para que o Clube de Patinaxe Artística Gondomar poida competir en China, no campionato Internacional de Grupos Show de Nanjing o 3 de setembro, senón que ten efectos moito máis devastadores. A onda expansiva impacta duramente noutras áreas como os Servizos Sociais ou en Concellería de Comercio e Turismo.

Gondomar precisa dos 35 000€ que ían destinados a Servicios Sociais, especificamente para persoas en risco de exclusión social. Estaban na modificación de crédito que a negativa estratexia de bloqueo destrutivo impediu.

Asemade, queremos comprometernos con 4000€ para o programa humanitario “Vacacións en Paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), destinado a acollida temporal de nenxs saharauís. Agora temos as mans atadas para facelo. Aínda máis, resulta incomprensible que a oposición nin sequera mencionase esta subvención cando hai un mes presentaron una moción para e saíron en prensa criticando a labor do goberno.

Cómpre lembrar que a Concellería de Benestar Social ten prioridade absoluta para o noso grupo e tamén para todo o goberno municipal. O traballo cotiá desta concellería está orientado a atender moitas carencias familiares: debe correr cos gastos de luz, auga, alugueiro, acondicionamento de vivendas… de persoas en risco de exclusión social. A oposición sábeo, pero prefire entrar no xogo populista de quen só mira pola foto e pola autopropaganda absurda.

Son tantas as necesidades prioritarias no ámbito da emerxencia social que o goberno non pode reducir os custos do acondicionamento de vivendas de persoas e familias en risco de exclusión; tampouco queremos sacar os cartos dos 4 067€ para atención educativa especializada para nenos e nenas con necesidades específicas. Tampouco semella coherente coas prioridades deste goberno reducir o investimento comedor escolar (44 174,20€), co obxectivo de facilitar a inserción laboral das nais e dos pais, garantir a corresponsabilidade no ámbito familiar e contribuír a gratuidade do ensino público. Por último, non é a nosa votade sustraer diñeiro dos 112 802,52€ que se dedican á axuda en fogares de persoas dependentes, para que poidan ter unha mínima calidade de vida.

Polo tanto, eses 35000€ eran vitais para as persoas de Gondomar que máis precisan da nosa atención.

No caso da Concellería de Comercio e Turismo, a situación é tamén sangrante, xa que o orzamento anual de que dispón é de 6 835,24€. Por subrealista que pareza esta cifra, é así. Esta concellería ten en marcha a realización dunha completa guía de turismo, dos que a Deputación aporta 16 396€, de modo que o Concello de Gondomar debe aportar o 29% restante. É dicir, Gondomar poder perder máis de 16 000€, se a oposición non rectifica a súa irresponsable actitude. Tamén estaba prevista nesa modificación de crédito a dotación de 1 089€ para as prestixiadas xeiras do Instituto de Estudos Miñoráns.

Por outra banda, o Turismo, segundo o informe de emprego encargado no seu día polo PP, e logo abandonado no caixón do esquecemento, é un área vital para desenvolver a economía do Concello.

A clave destes desfases orzamentarios está en que o Goberno de Gondomar está obrigado a traballar cos orzamentos que manexaba o PP na pasada lexislatura. Cando tiña maioría a coalición de progreso gobernante, os responsables dese área non deron elaborado e aprobado un Orzamento. Tampouco quen despois asumiu a área de Facenda foi capaz de conseguir uns orzamentos para o futuro de Gondomar, participativos e consensuados coa veciñanza. Polo tanto, temos que traballar cun presuposto onde as prioridades son diametralmente opostas ás do novo goberno.

A modificación de crédito, silenciada dende a comunicación do gabinete do señor Alcalde e utilizada interesadamente pola oposición, tiña unha función clara: reforzar conscientemente o departamento de servizos sociais, apoiar o comercio e priorizar o turismo… Nada que ver cos tempos onde había grandes partidas para alcalde e concelleirxs e mingurrias como 6 800 € para Comercio e Turismo.

Esta forma rancia de entender a política era previsible no PP

Se esta forma rancia de entender a política era previsible no PP, no caso da autoproclamada “esquerda rupturista” é realmente desconcertante. Pero cando se opta por seguir o vello principio da diplomacia bélica: “ O inimigo do meu inimigo é o meu amigo”, ou aquilo de: “canto peor, mellor”, un coincide con estraños compañeiros de viaxe que onte impiden a delimitación de núleos para evitar que se poidan derrubar vivendas legalizables e hoxe poñen en dificultade a viaxe a China do CPA ou afogan os servizos sociais e levan á irrelevancia o turismo e o comercio de Gondomar.

Dende Manifesto Miñor, cremos que está non a forma de actuar que o pobo merece e espera de quen debemos colocar o interese público por diante dos intereses partidarios ou persoais. O diálogo, o debate e o consenso non deben ser só estratexias retóricas do discurso político; hai que querer dialogar, debater e consensuar, deixando á marxe espúreos intereses políticos, revanchismos e leas persoais.

Gondomar, 24 de xullo de 2017

Grupo Municipal de Manifesto Miñor

 

Xullo 25, 2017

Etiquetas: , ,