Responsables de ACOUGA asesorarán este xoves xs afectadxs polos produtos bancarios do Pastor

O día 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Neural de Gondomar, Manuel Pérez Arias, e Xoán Antón Pérez-Lema, Presidente e Secretario Xeral da Asociación Galega de Consumidores, estarán en Gondomar para prestar información e asistencia procedemental a todas as persoas afectadas polos produtos do Banco Pastor da nosa vila.

Desde a Concellería de Comercio queremos dar soporte informativo sobre os posibles camiños xudiciais coa intención de levar a cabo todas as accións necesarias para intentar recuperar o diñeiro dxs afectadxs.

A información irá dirixida a todas as persoas que se sintan prexudicadas e queiran facer reclamacións de calquera tipo: cláusulas chan, produtos financeiros, perda vertixinosa das accións… Aconséllase aos afectados e ás afectadas que desexen asistir que vaian acompañadxs con toda a documentación dos seus produtos, xa que o Banco Pastor, debido á súa  errática traxectoria dos últimos anos, ten unha casuística legal moi variada e complexa, que debe ser estudada de xeito singular.

Diversas asociacións de consumidorxs teñen acusado as persoas administradoras do Banco Popular de presuntos delitos de falsidade contable e estafa a pequenxs investidorxs.

Dende o Concello de Gondomar, vila na que o Pastor ten unha sucursal dende hai moitos anos, temos a intención de axudar a canalizar a rabia, a impotencia e a frustración  dxs afectadxs, co ánimo de levar a cabo todas as accións necesarias, por todas as vías posibles, xudiciais ou extraxudiciais, que permitan aos afectados e ás afectadas obter unha compensación polo prexuízo padecido.

 

Gondomar, 26 de xuño de 2017

O concelleiro de comercio e turismo

Xosé Antón Araúxo Rodríguez

 

Xuño 28th, 2017

Etiquetas: , , ,

Deixar unha resposta