A Praza de Abastos e o Regulamento de regularización aprobado polo PP

Praza de abastos Gondomar

O Goberno de Gondomar está a cumprir o Regulamento da Praza de Abastos que aprobou o PP.

Non son fáciles de entender os razoamentos do PP, que adoitan defender unha cousa e a contraria, casar a legalidade e a ilegalidade ao mesmo tempo ou facer propostas políticas que se contradín entre si.

A Praza de Abastos de Gondomar é o último exemplo

Logo de décadas de ilegalidade, provisionalidade e irregularidades, O PP vén de solicitar publicamente que se suspenda o procedemento de licitación, que precisamente vai dotar de legalidade, estabilidade e seguridade ás persoas titulares dos postos da Praza de Abastos.

Os profesionais do “Ti vai facendo, que eu pecho os ollos transitoriamente”, adoitan meter ás veciñas e aos veciños de Gondomar en problemas xurídicos ou administrativos que finalmente afunden á cidadanía en pozos legais e sancións económicas. O mesmo que acabamos de vivir no urbanismo.

O novo Goberno de Gondomar quere acabar coa longa noite de arbitrariedades que o noso Concello ten vivido durante os mandatos do PP.

Que descoñeza o propio regulamento da praza do PP, ou que o coñeza e actúe con mala fé.

Tampouco é fácil atoparlle coherencia á última petición de que só se liciten os doce postos libres, que contradí o Propio Regulamento da Praza de Abastos aprobado polo PP en decembro de 2012, publicado no BOP o 7 de marzo de 2013, asinado polo Alcalde Popular, Fernando Guitián Guitián. Non sabemos  cal das dúas posibilidades é  máis grave: que a señora Paula Bouzós descoñeza o propio regulamento da praza do PP, ou que o coñeza e actúe con mala fé, enganando ás praceiras e aos praceiros.

No Regulamento aprobado no seu día polo PP, que este novo Goberno Municipal está a seguir ao pé da letra, indica no seu artigo 11 que as adxudicacións realizaranse mediante procedemento aberto, segundo a normativa da contratación pública. Precisamente, tal como estamos facendo.

Por outra banda, na disposición transitoria, o Regulamento outorga un prazo máximo de cinco anos para a regularización da actividade; de non facerse, o Concello declararía a extinción da concesión.

Por tanto, do que se trata é de evitar que se lle extingan os dereitos xs actuais praceirxs, dotalxs de seguridade xurídica, de tranquilidade laboral, de reconducir unha lonxeva irregularidade administrativa ao campo da legalidade.

A Praza de Abastos de Gondomar é un centro vital para a Vila, para a nosa forma de entender as relacións de veciñanza, as vinculacións económicas de proximidade. Este Goberno vai realizar en breve proxectos de acondicionamento da zona da praza, para humanizar este entorno, para facelo máis cómodo para a veciñanza, para que teña máis poder de atracción de compradorxs.

O futuro dxs praceirxs de Gondomar será máis estable e seguro

O futuro dxs praceirxs de Gondomar será máis estable e seguro, sen medos legais, sen provisionalidade. Para isto estamos a cumprir o regulamento da Praza de Abastos, aprobado polo PP, pero que non foi quen de levalo adiante, ou non quixo. O tempo para facelo esgótase.

 

Gondomar, 12 de maio de 2017

O concelleiro de comercio e turismo

Xosé Antón Araúxo Rodríguez

 

Aquí podedes consultar o Regulamento da Praza de Abastos – Concello de Gondomar aprobado polo Partido Popular no mes de decembro de 2012.

Maio 14th, 2017

Etiquetas:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *