Posición de Manifesto Miñor ante as eleccións xerais

Manifesto MiñorAnte as eleccións xerais do 20 de decembro, a Asemblea de Manifesto Miñor, reunida o pasado venres 27 de novembro, quere manifestar o seguinte:

Dende o primeiro momento, Manifesto Miñor procurou a confluencia das forzas da esquerda, nacionalistas e non nacionalistas, para conformar unha candidatura unitaria, con personalidade xurídica propia para constituír un grupo parlamentar na Cortes españolas e defender alí tanto o dereito a decidir como políticas de carácter social contrarias aos recortes.

Dende o primeiro momento Manifesto Miñor púxose ao labor participando activamente nas dúas plataformas que, dende o pasado agosto, se presentaban como  lugares de encontro, promovendo o diálogo entre os diversos actores políticos, de xeito sobranceiro entre as diversas candidaturas veciñais coma a nosa. Dende o primeiro momento, Manifesto Miñor condicionou a súa participación nas eleccións xerais a que se lograse o obxectivo dunha candidatura unitaria.

Infortunadamente, non se deu a confluencia, por imposicións das cúpulas partidarias, o que xerou unha enorme frustración en amplos sectores sociais. Xa que logo, Manifesto Miñor non apoiará ningunha das candidaturas que se din unitarias.

Non obstante, pedimos o voto CONTRA aquelas opcións políticas responsables dos recortes en sanidade e educación, protectoras e facilitadoras da corrupción e do ocultismo, que provocaron a  crise social e moral actual, que deixaron sen traballo a miles de persoas e que sumen na miseria a toda unha xeración de mozos e mozas.

En Manifesto Miñor entendemos como un fracaso a división de forzas cara a estes comicios e propoñémonos traballar arreo, a partir do día 20, na creación dunha Candidatura Unitaria da esquerda nacionalista e non nacionalista coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas. Unha candidatura organizada dende a base, asemblearia, sen dirixismos, sen cúpulas e aberta a quen queira participar: asociacións, partidos políticos e, sobre todo, persoas.

Val Miñor, 29 de novembro de 2015

Decembro 2nd, 2015

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta