NOTA DE PRENSA: PACTO DE GOBERNO EN GONDOMAR

PACTO DE GOBERNO EN GONDOMAR: PACIENCIA E BOA LETRA.

Ante as declaracións que hoxe publican os medios de comunicación feitas polo PSOE e Paco Ferreira convén aclarar algunhas cuestións de fondo, mais tamén de metodoloxía, que seica non entenderon axeitadamente.

1ª.- As urnas en Gondomar, igual que no resto de Galiza, falaron claro no sentido de apostar por gobernos plurais e cooperativos, e polo diálogo entre as forzas políticas con representación nos concellos, no canto das maiorías absolutas do pasado. No caso de Gondomar, incluso, existen diferentes posibilidades combinatorias para formar goberno. Que non perdan de vista que nese hipotético goberno de esquerdas e nacionalista son minoría .

2ª.- Se Paco Ferreira e o PSOE entenden por un goberno forte é aquel que se constrúe con dedicacións exclusivas, con nós que non conten. Un goberno forte é aquel con principios e obxectivos claros a favor das maiorías sociais e da rexeneración democrática. Por iso no MM apostamos polo diálogo responsable, e mesmo discreto, no canto de andar producindo titulares de prensa que pouco axudan a construír nada.

3ª.- Por último, e no que respecta ao Manifesto Miñor, queremos deixar claro que a última palabra para tomar unha decisión ao respecto dun hipotético pacto de goberno, teraa a asemblea do Manifesto, cos seus ritmos e metodoloxía propios que nada teñen que ver co dos partidos clásicos, polo que lle recomendamos ao PSOE tranquilidade e que non dea por feito o que aínda non está acordado.

En Gondomar, a 6 de xuño de 2015.

Asdo.: Antonio Araúxo Quintas.
Concelleiro electo e candidato á Alcaldía do Manifesto Miñor.

Xuño 6, 2015

Etiquetas: ,