Nota de prensa: Sobre as declaracións do Sr. Alcalde de Gondomar na inaguración das novas instalacións da Policia Local

Nota de prensaManifesto Miñor

Dende o Manifesto Miñor, e na nosa condición de membros do actual goberno municipal de Gondomar, vémonos na obriga moral de explicar publicamente a nosa posición política a respecto das declaracións feitas polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, realizadas o venres na inauguración das novas instalacións da Policía Local e publicadas onte sábado en diversos medios de comunicación.

Discrepamos radicalmente das declaracións feitas

Discrepamos radicalmente das declaracións feitas no devandito acto, que, para máis, veñen acompañadas dunha fotografía infame xunto co ex-alcalde Carlos Silva, involucrando innecesariamente á Policía Local de Gondomar. Que pinta nese acto un señor inhabilitado por prevaricación, responsable en primeira instancia da moción de censura e da desfeita e do caos municipal que padecemos na actualidade?

Gravísimos escándalos e corrupcións

Se o Sr. Ferreira e o PSOE entenden que lle hai que agradecer algo a quen mancillou o nome de Gondomar saíndo en todas as televisións e nas primeiras páxinas dos xornais máis importantes do Estado polos gravísimos escándalos e corrupcións diversas, con nós que non conten. Sería bo que para evitar caer na tentación dun titular ou dunha foto “facilonas”, antes lese o acordo de goberno que, con tanto esforzo e xenerosidade, sacamos adiante; un documento que é o que nos debe guiar tanto na acción de goberno, como nos nosos comportamentos públicos e, sobre todo, éticos. O Sr. Ferreira debe saber que cando fala en nome do Goberno Municipal representa a dez concelleir@s e a tres grupos políticos diferentes, polo que debe ser prudente nas súas actuacións públicas.

Por último, reiterar diante da veciñanza de Gondomar o compromiso irrenunciable d@s concelleir@s de Manifesto Miñor, que se entramos no goberno municipal foi para traballar a favor da xente e do ben común e, sobre todo, para procurar un Concello participativo, aberto, democrático e afastado das vellas prácticas caciquís e corruptas que representan determinados personaxes de infausta memoria. E que de non ser posible facelo dende o goberno, non teremos problema ningún e facelo dende a oposición.

En Gondomar, a 5 de setembro de 2015.

Setembro 6th, 2015

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta