Gondomar bota a andar a aplicación de Turismo con máis de 70 puntos de interese

Gondomar poderá ter 14 233 oficinas de Turismo: este é o obxectivo do Concello de Gondomar ao por en marcha unha aplicación que calquera das súas habitantes poderá baixar no seu móbil, tablet ou ordenador, para acceder a un grande banco de datos sobre os puntos de interese turístico do noso concello. A aplicación recolle máis de 70 rexistros turísticos, estruturados en seis grandes eixos: Arquitectura Civil, Arquitectura Relixiosa, Espazos Naturais, Arqueoloxía, Roteiros e Festas e tradicións. A prolífica catalogación, unha das máis completas de Galicia, recolle pazos, petróglifos, igrexas románicas, pontes románicas, Serra do Galiñeiro, castros, vistas panorámicas, curros, Corpus, festas gastronómicas…  Todos estes rexistros son  enumerados, localizados e documentados na aplicación web.

Un dos principais activos desta ferramenta é a xeolocalización de todos os puntos de interese turístico, de tal xeito que o público usuario poderá coñecer instantaneamente a distancia, o tempo e a ruta de cada percorrido (a pé, en bicicleta ou en coche) a cada un dos elementos recollidos no catálogo. Asemade, pódese usar, tamén, o móbil como gps, de tal xeito que nos leve ata o punto turístico elixido.

Para axudar xs potenciais visitantes, esta aplicación tamén identifica puntos do comercio e hostalería local que responden a tres preguntas: Onde comer? Onde durmir? Onde mercar? Non faltan, tampoiuco, os teléfonos de interese máis socorridos.

Por último, no momento en que se libere o bloqueo presupostario que padece o Concello de Gondomar, a aplicación tamén incluirá as 35 rutas de sendeirismo que se teñen estudado, deseñado e perfilado desde a Concellería de Turismo.

No exhaustivo e documentado traballo de recolección colaboraron activamente tanto Patricia Costas Collazo, Técnica de Turismo, contratada con cargo ao programa da Deputación de Pontevedra, como o alumno do IES Terra de Turonio, Daniel Rodríguez Estévez, grazas ao convenio asinado co Ciclo de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural.

A aplicación está escrita en Galego e Castelán. Na Concellería de Turismo, agardamos tela pronto tamén en Portugués e Inglés, na medida que dispoñamos de recursos.

Esta aplicación estará operativa antes de que remate o mes de Xullo na ligazón http://turismo.concellodegondomar.gal/. O Concello convida e anima á veciñanza de Gondomar a descargar a app e descubrir o gran patrimonio que acumulamos, algún de autentica excelencia turística, e sentir orgullo do noso. Pero, ademais, queremos que as nosas veciñas e os nosos veciños se convertan en Oficinas de Turismo Virtuais, para espallar xs nosxs emigrantes, expatriadxs, visitantes  e ao mundo, todo o que nós podemos aportar. Sería un fermoso soño ter 14 233 Oficinas de Turismo en Gondomar, unha por cada habitante.

Para o que gusten da información clásica poden ir, a partir do 1 de agosto. á oficina de TURISMO GONDOMAR de Luns a Venres 10:00h-13:30h no CDL Gondomar-Escolas Vellas, Avda. Conde de Gondomar. Polas tardes de 16:00h – 18:30h Oficina de Turismo do Parque da Feira s/n  tamén os Sábados  na Oficina de Turismo 10:00h-13:30h Parque da Feira s/n.

Gondomar, 28 de xullo de 2017

O concelleiro de comercio e turismo

Xosé Antón Araúxo Rodríguez

Xullo 31st, 2017

Etiquetas: , ,

Deixar unha resposta