A Garda Civil denuncia o Concello de Gondomar por tres sinais de tráfico en galego

sinais en galego

Baseándose nunha lei que salvagarda o español e menospreza e marxina as demais linguas oficiais

Hai un par de días, fíxose público que a Garda Civil viña de denunciar ao Concello de Gondomar por tres sinais de tráfico escritos “integramente” en galego. A primeira, na que se pode ler “Excepto profesorado/persoal e vehículos autorizados”, está colocada na entrada do instituto Terra de Turonio de Gondomar dende a súa inauguración; as outras dúas, colocáronse no ano 2007 nos accesos ao Polígono d’A Pasaxe, coa inscrición “Agás usuarios polígono”. Xa que logo, sorprende que despois de tantos anos sen ningún tipo de problema, a Garda Civil utilice agora estes sinais como casus belli contra a lingua galega, baseándose nunha lei que salvagarda o español e menospreza e marxina as demais linguas oficiais.

Con todo, esta non é a primeira vez que a Garda Civil ten problemas co galego en Gondomar. No ano 2015, a mesma Garda Civil que hoxe denuncia ao Concello por tres carteis de tráfico negouse a atender a un veciño en galego e mesmo se lle instou a que se expresase en español, conculcando os seus dereitos lingüísticos e ignorando a obriga da administración de atender á cidadanía na lingua oficial que o desexe. Tanto a Defensora do Pobo do Estado como a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deron a razón ao veciño de Gondomar ao recoñecer que, sen ser obriga, incomprensiblemente, que xs axentes da Garda Civil coñezan as linguas oficiais alén do español, os postos de atención deberían estar desempeñados por funcionarixs que coñecesen a lingua galega.

A denuncia da Garda Civil foi aproveitada pola organización Galicia Bilingüe

En calquera caso, a mensaxe que se está a enviar a cidadanía está clara: o galego é unha lingua sen entidade propia, que nin sequera serve para rotular os sinais de tráfico. Xa que logo, só podemos entender esta denuncia no marco de subalternidade da nosa lingua, sempre subordinada ás linguas do poder. Máis unha vez, ponse de manifesto a situación de minorización na que se atopa o galego.

A denuncia da Garda Civil foi aproveitada pola organización Galicia Bilingüe, valedora da españolidade máis rancia dende un discurso pseudogaleguista, para amosar, máis unha vez, o seu odio cara o galego. Segundo soubemos pola prensa, Galicia Bilingüe expresou o seu apoio público á denuncia e ofreceu apoio xurídico gratuíto á cidadanía para recorrer as multas que se poidan recibir por non respectar a sinalización. Queremos recordar que as indicacións dos carteis denunciados só recollen unha salvedade, unha excepción, ao sinal de “Prohibido o paso”, coñecido e recoñecido internacionalmente. Xa que logo, resultaría incomprensible, cando non cómico, que se alegase descoñecemento da lingua para evitar unha multa por ignorar a sinalización simbólica. O argumentario de Galicia Bilingüe roza o absurdo, pero calquera excusa lles vale para fomentar o desprezo do galego e da nosa cultura.

As indicacións dos carteis denunciados só recollen unha salvedade, unha excepción, ao sinal de “Prohibido o paso”

Dende Manifesto Miñor, queremos expresar o noso rexeitamento ante este novo ataque cara o galego, que poremos en coñecemento d’A Mesa Pola Normalización Lingüística, para artellar unha vía de actuación contra unha lei que discrimina a lingua galega.

 

Xuño 26, 2017

Etiquetas: , , , , ,