ÉXITO DA I ASEMBLEA DO MANIFESTO MIÑOR

Manifesto MiñorCase 200 persoas do Val Miñor déronse cita o sábado na I asemblea aberta do Manifesto Miñor, xentes, veciños e veciñas con ganas de falar, debater e traballar a prol dunha candidatura de unidade veciñal ou cidadá, nos tres concellos do Val Miñor.

Na asemblea afondouse na urxente necesidade de rexenerar a democracia nos concellos, de defender aos sectores máis agredidos polas políticas de recortes e eliminación nas prestacións sociais, sanidade, ensino, cultura, lingua… é por elo polo que o MANIFESTO MIÑOR considera necesario abrir os concellos do Val Miñor á participación cidadá sen atrancos.

Acordouse iniciar o proceso de creación de grupos de traballo (programa, organización e comunicación) para continuar coa tarefa de conquerir a candidatura cidadá. A estes grupos de traballo anotáronse perto de 70 persoas, veciños e veciñas do Val co desexo de cambiar as cousas e colaborar no obxectivo común de recuperar o poder para a cidadanía.

Por último, e como conclusión maioritariamente compartida polas persoas asistentes á asamblea, valoramos positivamente o feito que unha candidatura de unidade veciñal ou popular, cos principios e o programa moi claros, é a única garantía de conseguir a unidade de acción para poñer os concellos da Comarca ao servizo das maiorías sociais sen o inconveniente que as siglas partidarias supoñen para este fin. Nunha candidatura de unidade veciñal cabemos tod@s.

Decembro 16th, 2014

Etiquetas: , ,