DECLARACIÓNS DOS PETRÓGLIFOS GALEGOS COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE (moción)

Concelleiro UrbanismoSr. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE GONDOMAR.

Antonio Araújo Quintas, veciño de Gondomar, con domicilio na Avda. do Conde nº21 e na súa condición de concelleiro membro do Grupo Municipal “Manifesto Miñor”, en relación coa petición de declaración dos petróglifos galegos como Patrimonio da Humanidade, presenta ao Pleno seguinte MOCIÓN:

DECLARACIÓNS DOS PETRÓGLIFOS GALEGOS COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

4.000 anos de historia gravada nas pedras, tamén nas de Gondomar e do val Miñor. Os petróglifos son elementos indispensables do patrimonio cultural e arqueolóxico de Galiza sen os que non se podería entender parte do noso pasado. Sen embargo, o seu estado deixa moito que desexar, afectados por lumes, tarefas agrícolas ou, sinxelamente, polo abandono.

Por este motivo e por primeira vez, un grupo de especialistas formado por historiadores, arqueólogos e antropólogos elaboraron un informe no que piden a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, precisamente, para que sexan protexidos.

Unha petición que trascribo literalmente e que o Grupo Municipal que represento fai súa propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal a aprobación da mesma, se procede:

“As insculturas son BIC (Bens de Interese Cultural) e, en consecuencia, gozan do máximo grado de protección. En teoría o marco normativo –Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985, Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural, e Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia- debería ser suficiente para asegurar o seu coidado e preservación. Sen embargo a realidade que nos atopamos é que unha parte considerable dos nosos gravados rupestres –incluídos algúns dos máis sobranceiros como a emblemática Pedra das Ferraduras- corren un grave risco, non só de deterioro, senón de desaparición, diante do incumprimento da normativa por parte da Xunta e de moitos concellos. No tocante á Xunta nin tan sequera ten elaborado un inventario cunha carta de riscos, despreocupándose igualmente da divulgación deste patrimonio, labor que están a facer –con poucos medios e moita vontade- diversos colectivos de afeccionados Este abandono e desleixo pode privar non só ao pobo galego, senón a toda cidadanía en xeral do disfrute dunha das manifestacións artísticas máis valiosas polo seu valor intrínseco de patrimonio cultural da humanidade.

As pinturas e gravados prehistóricos da cornisa cantábrica e máis os da zona levantina gozan deste recoñecemento. O conxunto de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre galego –con valor e entidade semellantes- atópase sen esa salvagarda, desprotexido.

A arte rupestre é a materia identitaria que mellor nos define. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas é, sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa. Esta manifestación cultural atesoura, ademais, un rico patrimonio inmaterial, de xeito que ao redor destes xacementos arqueolóxicos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular xenuíno que reflicte non só parte da súa cosmovisión senón tamén toda unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe.

Por todas estas razón solicitamos o seu compromiso para que a Xunta de Galicia inicie xa os trámites para acadar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia –agora mesmo seriamente ameazada-, a súa valoración e o seu coñecemento que debe comezar na Escola.

Galicia a 19 de Setembro do ano 2016 Buenaventura Aparicio Casado (historiador), Antonio de la Peña Santos (arqueólogo), Rafael Quintía Pereira (Antropólogo)”

Por todo o exposto PROPOÑO a toma do seguinte acordo:

1º.- O Pleno da Corpoaración Municipal de Gondomar acorda apoiar a declaración dos Petróglifos de Galiza como Patrimonio da Humanidade.

2º.- Darlle tralado do mesmo ao Goberno Galego, á Consellaría de Cultura, así como a todos os grupos parlamentares do Parlamento Galego.

En Gondomar, a 26 de Outubro de 2016. Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Outubro 26th, 2016

Etiquetas: ,