Comunicado do Manifesto Miñor a respecto das Primarias

Manifesto MiñorÉXITO DAS PRIMARIAS DO MANIFESTO MIÑOR EN GONDOMAR.

Dende o Movemento Veciñal Aberto Manifesto Miñor, á vista dos resultados e da participación nas primarias celebradas o pasado domingo, queremos felicitar a todos os veciños e a todas as veciñas que, coa súa participación, demostraron que o cambio na forma de entender e, sobre todo, de practicar a política é posible. Cunha participación de máis de 250 persoas podemos asegurar que á cidadanía, cando se pode expresar libremente a través de mecanismos participativos, libres de manipulación e sen tutelaxes de ningún tipo, sempre responde.

No Manifesto Miñor temos a honra de sermos os primeiros en abrir as portas a unhas primarias onde os veciños e as veciñas se puideron candidatar previamente para ser votad@s, con absuluta pulcritude democrática, por quen quixo participar con só o requisito de vivir ou traballar en Gondomar. Foron unhas eleccións absolutamente libres de controis e os resultados están á vista: unha candidatura que reflicte a sociedade gondamarense, con todas as parroquia representadas e, sobre todo, cunha lexitimidade democrática incuestionable.

Agora toca facer equipa, poñer a punto as nosas propostas e o noso discurso a partires das achegas de todas as persoas que queiran colaborar e, sobre todo, daquelas persoas que, coma nós, queren un novo Gondomar. Só deste xeito conseguiremos un programa participado e acorde coa realidade e os intereses da maioría social do noso concello. Para iso, imos sair ás parroquias, aos barrios… para falar coa sociedade que pretendemos representar. No Manifesto Miñor isto non é un problema, pois estamos afeitos a falarlles aos nosos veciñ@s, de igual a igual, todos os días do ano nas asociacións veciñais, nas Comunidades de Montes, nos Centros Culturais, nas ANPAS, nas asociacións de mulleres ou nos diferentes colectivos sociais, como as plataformas contra as Preferentes, polo transporte, etc,

Por último, con estes apoios, estamos convencidos de que o 24-M a veciñanza de Gondomar estará representada con voz propia e sen intermediarios no Concello. En breve iniciaremos a presentación do Manifesto Miñor polas parroquias e tamén aos diferentes colectivos sociais, co obxecto de escoitalos e para seguir dinamizando e alentando o preludio dunha política municipal participativa. Sen dúbida, en Gondomar e no Val Miñor acaba de comezar outra época. Gondomar, marzo de 2015.

A candidatura do Manifesto Miñor:

  1. Xosé Antonio Araujo Quintas
  2. Rocío Cambra Castro
  3. Alberto Covelo Casal
  4. Mª del Carmen Salgueiro Veiga
  5. Xosé Antón Araúxo Rodríguez
  6. Vanesa Estévez David
  7. Jorge Diz Ferreira
  8. Mª Luisa Varela Nogueiras
  9. Xulio Castañal Canto
  10. Iris Malvido Lago
  11. Jose Manuel Domínguez Martínez
  12. Isabel Mato Landeira
  13. Manuel Piñeiro Lorenzo
  14. Celsa Fernández Álvarez
  15. Jesús Rodríguez Diéguez
  16. Milagres Chapela Iglesias
  17. Juan Bautista Míguez Abad
  18. Mª del Pilar Moreira González
  19. Xosé Reimundo Valverde Rodríguez
Marzo 30th, 2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *