CODIGO ETICO

CÓDIGO ÉTICO E COMPROMISOS DAS PERSOAS QUE OPTAN A REPRESENTAR A MANIFESTO MIÑOR NAS CORPORACIÓNS MUNICIPAIS

Este documento recolle un código de prácticas e accións concretas que as persoas que ocupen cargos electos e de libre designación deberán cumprir para asegurar unha xestión política comprometida e próxima aos veciños, con mecanismos eficaces de transparencia no financiamento e rendición de contas, democráticos e populares, e con espazos reais de participación e decisión da cidadanía nos asuntos públicos.

Tamén se artellan diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, acabar cos privilexios dos que, durante moitos anos, gozou boa parte da clase política, e que provocaron un grave afastamento dos intereses da veciñanza.

Este compromiso de ética política parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.

As persoas que ocupen cargos públicos baixo o mandato deste código de ética política comprométense tamén a impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos se convertan en norma obrigatoria para todos na administración municipal.

Os principios recollidos neste Código Ético comprometen a tódalas persoas da candidatura que ocupen cargos electos, de libre designación e xerencia, nos tres Concellos do Val Miñor.

Todas estas persoas comprométense publicamente a:

  1. Democratización da representación política, fiscalización e rendición de contas

    1. Defender o establecido no programa político da candidatura e actuar como representantes, obrigados a seguir as decisións tomadas nos mecanismos democráticos e abertos a toda a poboación que fixe a candidatura, promovendo a corresponsabilidade política de todos e todas.

    2. Facer públicas as axendas dos representantes, para facer visible con quen se reúnen e os temas que se tratan. Faranse públicas tamén as ordes do día e as actas das reunións e as contas das actividades económicas (nóminas, cobros de terceiros, etc.)

    3. Facilitar todos os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos representantes, tanto ao principio como ao remate da lexislatura, así como todos aqueles datos necesarios para a detección de posibles intereses e a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos 3 anos seguintes á súa saída da función pública.

    4. Facer públicos os criterios de contratación dos cargos de libre designación.

    5. Render contas periodicamente das súas actuacións ante a cidadanía, mediante instrumentos presenciais e virtuais, asemblearios, democráticos e abertos a todos, e cunha especial atención a nosa célula base de convivencia, como é a parroquia.

    6. Aceptar a censura (e revogación, no seu caso) de concelleiros/as e cargos de libre designación por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa, tanto polos veciños como polos órganos competentes de Manifesto Miñor. Para que isto sexa posible, estableceranse mecanismos de garantía e avaliación da xestión das persoas con cargos públicos da candidatura, e a cidadanía terá o dereito e o deber de participar activamente no control e seguimento do labor dos cargos públicos para garantir unha correcta e honesta aplicación deste principio.

    7. Non poderán ser cargos electos ou de designación política do Manifesto Miñor as persoas que incorran nun conflito de intereses entre as súas responsabilidades públicas e a súa actividade profesional, calquera que esta fose, respectando en todo caso a normativa legal de incompatibilidades.

    8. Non acceder durante un período, mínimo de 5 anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas, supervisadas, ou que sexan beneficiarias dun contrato municipal, dentro do ámbito e/ou sector onde desenvolveu a súa función representativa. En ningún caso se ocuparan cargos nos consellos de administración destas.

    9. Garantir a participación dos veciños na toma de decisións relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico nos tres Concellos, tendo en conta os principios de subsidiariedade e solidariedade. Todas as persoas que ocupen cargos electos e de designación comprométense a impulsar, apoiar e levar as institucións as propostas veciñais e de organizacións sociais que traballen co horizonte de sociedade que, como Manifesto Miñor, queremos construír.

    10. As candidaturas establecerán espazos asemblearios de debate no nivel barrio/parroquia abertos a quen desexe participar. Nela participarán cargos electos e será onde renderán contas e se establecerán liñas a seguir dentro dos principios básicos de Manifesto Miñor.

  2. Financiamento, transparencia e xestión dos gastos

    1. Ser transparente na súa xestión, publicando desagregados tódolos datos referentes aos ingresos e gastos dos cargos electos do Manifesto Miñor, que xestionarán de xeito social e solidario.

    2. Poñer un tope máximo ás doazóns privadas.

    3. A renuncia explícita aos créditos bancarios e ás doazóns de particulares que poidan coartar a independencia política da candidatura. A candidatura terá un compromiso explícito de traballar coas institucións da banca ética para garantir a súa independencia e a coherencia co seu programa.

    4. Apostar claramente por unha limitación drástica do gasto en campaña electoral.

    5. Non utilizar fundacións ou entidades xurídicas para financiarse con recursos e mecanismos pouco transparentes, e con obxectivos diferentes aos da candidatura.

    6. A introdución de sancións administrativas e penais efectivas en caso de financiamento irregular.

    7. A candidatura fará un uso do financiamento coherente con este código ético e os seus valores, realizando achegas puntuais e finalistas encamiñadas a fortalecer o tecido asociativo (sen xerar dependencias ou clientelismos.)

  3. Profesionalización da política, supresión de privilexios e medidas contra a corrupción.

    1. Renunciar aos agasallos e privilexios que lles poidan ofrecer pola súa condición e que poidan significar un trato de favor.

    2. Non duplicar cargos nas institucións, salvo aqueles vinculados á súa condición de concelleiro/a.

    3. Non duplicar soldos nin cobrar remuneracións extras para asistir a reunións.

    4. Establecer un soldo máximo de 2.200 euros como salario neto mensual, incluíndo dietas, entendendo que esta retribución garante unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido. O soldo será variable tamén en función das responsabilidades.

    5. Limitar o seu mandato a dúas lexislaturas consecutivas, excepcionalmente prorrogable a un mandato máis sempre que se dea un proceso de discusión e validación veciñal.

    6. Facer un uso racional, austero e transparente dos recursos públicos e denunciar o abuso ou a práctica non ética que fosen detectadas no exercicio das funcións institucionais de outros. Garantir o seu emprego só para o exercicio da actividade publica e en beneficio dos veciños.

    7. Compromiso de renuncia ou cese de forma inmediata de tódolos cargos, ante a imputación pola xudicatura por delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.

    8. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os DD. HH. ou os dereitos das persoas traballadoras.

    9. E dende xa, declaran ademais non estar imputados ou condenados previamente por delitos relacionados coa violencia de xénero, liberdade e indemnidade sexual, integridade moral, corrupción ou delitos económicos por mal uso de fondos públicos

    10. Promover a igualdade no exercicio das súas funcións, combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de sexo ou orientación sexual, así como a favorecer a participación política das mulleres e das persoas con diversidade cultural, funcional, colectivos LGBT ou outras comunidades minoritarias ou vulnerables.

Abril 13, 2015

Etiquetas: