Bloqueo urbanístico e irresponsabilidade política da oposición en Gondomar

Casa do Concello

A oposición municipal bota abaixo irresponsablemente ducias de proxectos de vida de veciñxs de Gondomar por intereses espurios, ao votar contra a aprobación da delimitación dos núcleos de Penalba (Mañufe), San Roque e Prado (Morgadáns).

Onte foi un día triste para ducias de veciñxs de Gondomar, que tiñan as súas esperanzas postas, así como os seus proxectos de vida (construír, legalizar ou resolver a hipoteca para poder vender a súa vivenda e, nalgún caso, mesmo para evitar o derrubamento da mesma) nun acordo plenario da Corporación Municipal de Gondomar.

Todo iso foi ignorado por unha oposición irresponsable que puxo os seus intereses partidarios e a vinganza política por diante do interese xeral e da obriga de lle solucionar os problemas á xente. Onte foi outro día nefasto na historia do urbanismo municipal, con efectos semellantes á anulación do PXOM de 1997 a escala parroquial.

A historia repetiuse onte en modo farsa e con actores que hai uns anos serían impensables

Efectivamente, a historia repetiuse onte en modo farsa e con actores que hai uns anos serían impensables. Incomprensiblemente, Gondomar Concello Aberto – CABE (a esquerda rupturista!!) votou e compartiu argumentario político cos mesmos responsables da desfeita urbanística de Gondomar, con quen alentaron o transfuguismo e a prevaricación urbanística non hai moito tempo.

No ano 2008, a oposición municipal (PP + Tránsfugas do PSOE) botaron abaixo a delimitación de 9 núcleos, entre eles o mesmo de Prado (Morgadáns) que foi onte a pleno, argumentando QUE ERAN PROPOSTOS POR UN GOBERNO EN MINORÍA E POR FALTA DE TEMPO PARA VER OS EXPEDIENTES. Isto foi o mesmo que dixeron onte no Pleno. Como poden dicir que non tiveron  tempo para ver uns expedientes que levan colgados na páxina web do Concello dende hai máis de catro meses?

A xente de esquerdas de Gondomar non entende esta estraña simbiose, por certo, a mesma que impediu o ano pasado que dúas concelleiras do actual goberno poidesen traballar en condicións dignas con dúas medias dedicacións exclusivas.

Onte quedou clara unha nova alianza política, con estratexias compartida (unión temporal de intereses PP+IxG+CABE), que non é outra que desgastar ao goberno municipal aínda que sexa a conta de perder a dignidade e decoro políticos dalgúns dos seus membros. Dende  preguntámonos se non sería máis coherente que se poñan de acordo, presenten unha moción de censura e comecen a traballar cun goberno en maioría xa que iso é o que lles preocupa.

Desprezo polos veciñxs da súa propia parroquia

Con todo, o galardón ao desprezo polos veciñxs da súa propia parroquia levouno o Presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, Javier Gregores, que, como concelleiro de IxG, tivo o atrevemento de votar en contra da delimitación dos núcleos de Prado e San Roque,  sen tan sequera abrir a boca para explicar o seu voto.

Do PP, era sabido, pois están en contra deste tipo de delimitacións porque, segundo din agora, a solución é o PXOM, aínda que despois poñan todos os paus nas rodas para evitar que vaia adiante. O delxs é evitar que este goberno poida ter ferramentas urbanísticas que resolvan as graves carencias que temos neste eido.

Por último, queremos dicirlles que se o problema é a falta de tempo para ver os expedientes ou a falta de explicacións técnicas sobre como se delimitaron, terán  todo iso e máis. Este traballo foi realizado polo persoal técnico do Concello, da man da propia Dirección Xeral de Urbanismo, e sen ningunha indicación, intromisión, etc. por parte do goberno municipal.

Gondomar, 2 de Xuño de 2017.

Grupo de Traballo de Comunicación de Manifesto Miñor

 

Nota aclaratoria: Cando nos referimos a que votaron en contra, queremos dicir que, en realidade, abstivéronse sabedorxs de que ese voto ten o mesmo valor que voto negativo, toda vez que para saíren adiante as delimitacións tiñan que  ter 9 votos favorábeis por imperativo legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *