Apoio a Espazo Lectura e recoñecemento da súa actividade a prol do fomento da lectura e da cultura do libro

Espazo de lectura

En relación á nota de prensa de Espazo Lectura sobre a súa complicada situación co Concello de Gondomar e como queira que nos afecta directamente como parte do Goberno municipal, dende Manifesto Miñor queremos expoñer o seguinte:

1º.- O noso grupo descoñecía que as obras na biblioteca de Gondomar se fixeran sen consultar coas persoas e asociacións usuarias da mesma. Dende logo, entendemos que as melloras nas infraestruturas municipais son necesarias na medida en que contribúan a mellorar e a modernizar a Administración e os servizos que presta; ora ben, esas melloras en ningún caso se poden desenvolver de costas aos colectivos e ás persoas usuarias deses espazos, e moito menos cando se trata dunha biblioteca pública na que, como ben sinalan dende Espazo Lectura, é preciso que haxa zonas específicas para tódalas usuarias e usuarios, e sobre todo para público infantil.

Por outra banda, cómpre sinalar que as obras levadas a cabo na biblioteca non resolven un dos problemas máis urxentes na Casa da Cultura: a accesibilidade. Somos conscientes de que Gondomar necesita un novo espazo accesible e moderno para unha biblioteca nova, polo que haberá que traballar conxuntamente para conseguilo.

2º.- Lamentamos os problemas de comunicación entre Espazo Lectura e o Concello de Gondomar que viñeron dar nesta situación. A relación das concelleiras e dos concelleiros coas Asociacións, especialmente con aquelas que teñen un programa de actividades tan amplo como Espazo Lectura e enchen de cultura a vida de Gondomar, debe ser fluída e baseada nos principios de respecto, bo trato e colaboración. Xa que logo, debe ser unha prioridade de todo o Goberno Municipal, e principalmente da concellaría responsable, atender debidamente as demandas desta asociación. En todo caso, Manifesto Miñor nunca foi coñecedor da difícil relación entre o Concello de Gondomar e Espazo Lectura por non ter relación coas áreas que nós xestionamos. Segundo parece, está situación vén de lonxe, máis foi agora, a través do comunicado de Espazo Lectura (enviado ás socias e aos socios, entre os que está, por exemplo, o Tenente de Alcalde de Gondomar e Voceiro de Manifesto Miñor no Concello e moitas outras compañeiras e compañeiros) e das redes sociais, cando tivemos coñecemento deste asunto. Con todo, queremos lembrarlle a Espazo Lectura que, coma sempre, seguimos estando a súa disposición para buscarlle unha solución satisfactoria a este desacordo.

3º.- Finalmente, queremos expresar o noso apoio a Espazo Lectura, unha asociación que puxo Gondomar e a nosa Comarca á vangarda do fomento da lectura e por iso foi galardoada con importantes premios e recoñecementos polo seu labor. Pola nosa banda, sempre mostramos a nosa vontade de establecer sólidas vías de colaboración que faciliten o desenvolvemento das súas actividades, xa que cremos no seu proxecto vangardista de inculcar nas nosas cativas e nos nosos cativos a paixón pola lectura.

29 de marzo de 2017
Grupo de Comunicación
Manifesto Miñor
Manifesto Miñor

Marzo 29th, 2017

Etiquetas: , , , ,