Abstención de Manifesto Miñor no debate plenario do prego de condicións da recollida de RSU

A votación que deu lugar ao acordo plenario do pasado mércores, foi tan diversa coma a propia corporación municipal e, sobre todo, foi fundamentada en argumentos igualmente diversos e obviamente lexítimos. O tempo das disciplinas e obediencias cegas en política acabou e cada grupo ou cada concelleirx vota en conciencia aquilo que considera o mellor para Gondomar.

“Queremos lembrar, que no pacto de goberno ía expresamente definido comezar a remunicipalizar os servizos públicos privatizados, o que incluiría, a recollida de RSU, entre outros”.

O grupo municipal de Manifesto Miñor, que forma parte do goberno, abstívose (non é a primeira vez que votamos diferente dos nosos compañeirxs de goberno) por motivos que explicamos no Pleno e que compre volver a recordar para o interese da veciñanza:

1º.- Dubidamos que Gondomar poida licitar este concurso, xa que segundo a Lei da Área Metropolitana de Vigo, actualmente en vigor, resérvase esta competencia para propia Área Metropolitana.

2º.- Tamén dubidamos que o convenio asinado no seu día coa CCMM de Vincios para instalar o Punto Limpo na Pasaxe poida pasar agora a formar parte do proceso da recollida ordinaria dos RSU.

3º.- Somos partidarios de que o Punto Limpo teña un funcionamento atónomo, de tal xeito que non se converta nun apéndice (ou nun almacén-trasteiro) da recollida ordinaria de RSU. É dicir, o Punto Limpo debe ter cada día máis protagonismo na recollida dos RSU e converterse nunha ferramenta magnífica para facer pedagoxía e crear consciencia medioambiental; todos os RSU que se derivan ao Punto Limpo son tratados, reciclados ou incluso reutilizados prácticamente á vista dos propios veciñxs. Polo tanto, o Punto Limpo é social e económicamente rendíble para o Concello, ao sacar fóra do “circuito SOGAMA” centos de Tm de RSU ao ano co conseguinte aforro económico (rebaixa no canon) para as arcas municipais.

4º.- Queremos lembrar, por último, que no pacto de goberno ía expresamente definido comezar a remunicipalizar os servizos públicos privatizados, o que incluiría, a recollida de RSU, entre outros. Un goberno de progreso non pode perpetuar a privatización de servizos e, sobre todo, debe pular pola remunicipalización ben sexa a nivel municipal, ben sexa a nivel da área metropolitana.

Setembro 2nd, 2017

Etiquetas: , ,

Deixar unha resposta